Friday 26 de April de 2024

O Programa da Xunta “Música en Salas” promove 16 concertos na Coruña e 10 en Laxe


— As salas coruñesas Garufa Club, Mardi Gras e o Jazz Filloa, así como a laxense A Ventana, son catro dos 19 espazos que participan nesta iniciativa organizada pola Consellería de Cultura e a asociación Clubtura

— Este novo circuíto está destinado a impulsar a recuperación da actividade nas salas de música ao vivo e levará ata mediados de decembro un total de 135 concertos a escenarios de toda Galicia

O programa da Xunta de Galicia Música en salas organiza 16 concertos de grupos e solistas galegos antes de que acabe o ano na cidade da Coruña. Outros 10 realizaranse en Laxe. As salas coruñesas integradas no circuíto Música en Salas son o Garufa Club, Filloa Jazz Club e Mardi Gras; en tanto que en Laxe se suma A Ventana.

Música en salas está promovido pola Xunta co fin de impulsar a actividade do sector dos locais de actuacións e a escena musical galega e nace en base a un convenio asinado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Asociación de Salas de Música ao Vivo-Clubtura. O programa conta tamén co apoio da asociación Músicas ao Vivo.

O circuíto promove a recuperación da música en vivo en 19 locais das catro provincias galega nos que haberá ata 135 concertos na recta final do ano, nos meses de novembro e decembro. Está prevista a actuación de 115 artistas e bandas do panorama musical galego.
Sonoridades pop, rock e ritmos jazzísticos abondan nas propostas coruñesas de Música en salas. As propostas para os vindeiros días van desde o jazz de Garufita Jazz Band no Garufa Club –esta mesma noite- ao rock máis clásico e en estado puro (Elvis Presley, David Bowie, Rolling Stones, AC/DC, The Who…) da banda Exit na Mardi Gras do vindeiro martes 16. Logo será a quenda do herculino Filloa’zz Quartet cun concerto-tributo ao pianista e compositor norteamericano Richie Beirach no Jazz Filloa. Volver sobre a música dos grandes do xénero foi a idea que guiou hai unha década o nacemento de Filloa’zz Quartet, formada por Pablo Añón (saxo alto), Iago Mourinho (piano), Simón García (contrabaixo) e Miguel Cabana (batería).

Diferentes estilos
Durante o mes de novembro, a programación de Música en salas tamén trae á cidade, entre outras, á banda de rokstady e soul Madame Bird; á Le Suite Band coas súas versións dos temas máis clásicos do pop internacional dos anos 70, 80 e 90; o puro rock and roll de Greassy Belly e as incursións no terreo do jazz e soul de Gabi Triana 4Tet; aProject Five ou Nacho Pérez Quinteto, a formación liderada polo guitarrista e cantante vilagarcián Nacho Pérez, que conxuga un repertorio de temas orixinais e no que se deixa sentir a influencia de músicos como John Coltrane, Miles Davis ou Charlie Parker. O de Belém Tajes Trio sera o ultimo concerto de Música en salas no mes de novembro na Coruña. En decembro incorporaranse bandas como a viguesa The Soul Jacket ou Miguel Seoane Trío.

Os concertos de Música en salas de A Ventana de Laxe traen este mes os traballos de distintas mulleres: o da multidiscplinar Mamen Bazarra, que pasea polas músicas latinoamericanas bossanova, bolero e rumba; o da galaico-suíza Natasia Zürcher, que atopa inspiración no blues, funk e soul; o de Silvia Penide, compositora e referente do pop acústico galego e nacional, ou o de Belém Tajes, ex-vocalista de Luar na Lubre que ao fronte do Belém Tajes Trío volve a mirada cara ás súas orixes galaico-arxentinas. Nomes todos eles que falan da forza das artistas galegas actuais.
O circuíto Música en salas promove a recuperación da música en vivo en 19 locais das catro provincias galegas, nos que haberá ata 135 concertos na recta final do ano. Está prevista a actuación de 115 artistas e bandas do panorama musical galego.
O calendario con todas as citas de Música en salas pode consultarse nas axendas das webs de Cultura de Galicia e da Agadic.